Logotipo Universidade de Vigo

Seleccione su idioma

Procedentes de dous institutos da cidade, pero chegados tamén desde Rianxo, Lalín, Ourense, Poio e Ponteareas, 341 estudantes de bacharelato puideron coñecer de primeira man a oferta formativa do campus de Pontevedra, ao abeiro das xornadas de portas abertas promovidas pola Vicerreitoría do campus de Pontevedra e a Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade. Sete centros de ensino sumáronse nesta ocasión a unha iniciativa na que o alumnado dividíase en diferentes grupos para as visitas aos centros segundo os seus ámbitos de interese, sendo Ciencias da Educación e do Deporte a facultade que máis futuros e futuras universitarios congregou nesta xornada.

Previamente, as e os estudantes foron recibidos no edificio que comparten as facultades de Comunicación e Dirección e Xestión Pública, onde a vicerreitora Eva María Lantarón, puxo de relevo as “fortalezas” dun campus "moi próximo á cidade", no que se forman preto de 4400 estudantes e que conta con “titulacións singulares e únicas no panorama autonómico”, como Publicidade e Relacións Públicas, Belas Artes, Deseño e Dirección e Xestión Pública. Como “un escaparate para o campus” definiu Lantarón unhas xornadas que no presente curso leváronse a cabo en dúas quendas. A primeira tivo lugar no mes de febreiro, coa participación de 80 estudantes de Pontevedra e Redondela, mentres que nesta ocasión asistiron alumnas e alumnos dos institutos A Xunqueira I de Pontevedra, Val do Tea de Ponteareas, Ramón María Aller Ulloa de Lalín, Félix Muriel de Rianxo, Universidade Laboral de Ourense e IES de Poio, xunto cun grupo de estudantes do Sánchez Cantón, que se fomrna no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD).

Ler a nova completa no DUVI