Logotipo Universidade de Vigo

Seleccione su idioma

No marco do programa La Administración Cerca de Ti, que a Subdelegación de Goberno coordina na provincia de Pontevedra, persoal técnico deste organismo e da Tesourería da Seguridad Social protagonizaron este luns unha sesión formativa sobre administración electrónica na Facultade de Dirección e Xestión Pública. Da man de Margarita Hortas, da Subdelegación do Goberno, esta actividade achegou ao alumnado “ás distintas opcións de identidade electrónica”, como o DNI e o certificado electrónico ou o sistema Cl@ve, así como á Carpeta Ciudadana, “unha aplicación na que temos localizados nun único sitio todos os datos que a Administración ten sobre un cidadán”. Ademais, Dolores López amosou o alumnado o funcionamento da oficina virtual da Tesourería da Seguridad Social.

Inserida nas actividades da materia Ciencia da administración e xestión pública, esta xornada contou coa participación do subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, e do decano da facultade, Enrique Varela. Como destacaron desde a Subdelegación, La Administración Cerca de Ti é un programa que se está a desenvolver en diferentes concellos rurais, co obxectivo de chegar a unha poboación que poida ter máis dificultades no uso das tecnoloxías á hora de relacionarse coas administracións públicas. Ademais, lévano tamén a cabo con outro tipo de colectivos, como é neste caso o estudantado universitario. Non en van, como apuntou Hortas, “parece que a xente nova sempre está á marxe da fenda dixital, porque viven con móbil na man”, mais esta si que existe “á hora de enfrontarse ás sedes electrónicas”. Nesa mesma liña, Varela puxo en valor o necesario desta formación e o “esforzo en relación coa transferencia do coñecemento” que se leva a cabo desde a Administración Xeral do Estado.

Ler a nova completa no DUVI