Logotipo Universidade de Vigo

Seleccione su idioma

Promovida pola Asociación das Traídas de Auga (Coxapo), a Conferencia Internacional Acowas-EU reúne nestes días en Pontevedra especialistas, persoal técnico e representantes institucionais de Austria, Irlanda, España, Dinamarca e Finlandia, co obxectivo de abordar os retos da xestión comunitaria da auga potable en zonas rurais. Tras desenvolver este martes a súa xornada inaugural no Teatro Principal, o congreso trasladouse este mércores á Facultade de Dirección e Xestión Pública, onde tiveron lugar diferentes mesas de traballo dirixidas a promover unha reflexión sobre estes sistemas de abastecemento autoxestionados e a súa regulación, así como a compartir boas prácticas desenvolvidas en diferentes países.

Inaugurada polo decano, Enrique Varela, e o deputado provincial Javier Tourís, esta xornada abrangueu tanto sesións de debate como de tres mesas de traballo simultáneas, dirixidas a reunir as perspectivas de asociacións, administracións e persoal investigador. Nunha destas xuntanzas participaron responsables das asociacións integrantes de Acowas-EU de varios países, mentres que outro dos encontros xuntou representantes da Consellería de Sanidade, de Augas de Galicia, da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, da Deputación de Pontevedra e dos concellos de Abegondo, Ponteareas e Tomiño. Finalmente, a mesa de traballo das universidades contou coas intervencións de Enrique Varela, coordinador do grupo de investigación Observatorio da Gobernanza G3; da profesora da Universidade da Coruña Acacia Nieves; do investigador da Universidade de Boku (Austria) Reinhard Pefer; da directora do Centro de Estudos da Auga do Instituto Dundalk de Tecnoloxía (Irlanda), Suzanne Linnare; do técnico da ONG Enxeñeiros sen Fronteiras Sergio Fernández e da investigadora predoutoral da UVigo Paula Díaz.

Ler a nova completa no DUVI