Financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, o proxecto de investigación Bores reúne investigadores e investigadoras de diferentes países para estudar a resiliencia das fronteiras, entre os que se atopa o coordinador do Observatorio da Gobernanza G3 Enrique Varela. Liderado pola Universidad Complutense de Madrid, este proxecto centra os seus casos de estudo nas realidades fronteirizas da Unión Europea e do Mercosur e nos últimos días puña en común as súas diferentes liñas de traballo no Congreso Mundial da International Political Science Associaton (IPSA), celebrado esta semana en Seúl.
Ao abeiro deste proxecto, o tamén decano da Facultade de Dirección e Xestión Pública tomou parte en diferentes mesas de traballo deste congreso mundial, no que afondou na liña de análise sobre as eurocidades da ‘raia húmida’ entre Galicia e norte de Portugal que centra a súa participación no proxecto Bores. “Os avances no proxecto teñen relación coa confirmación dos modelos de comparación das cidades transfronteirizas” que Varela desenvolveu previamente para un proxecto financiado polo Consejo Nacional de Ciencia y Tecnología (Conacyt) do goberno mexicano. Este, explica, tiña como obxectivo definir un modelo de análise científica de comparación de fronteiras que “agora vou aplicar ao Mercosur, que é unha zona de cooperación prioritaria na axenda da Unión Europea”. O seu obxectivo é que estes modelos permitan tanto identificar os elementos comúns como as diferencias existentes entre unha das áreas con maior con maior concentración de eurocidades coas fronteiras dos diferentes países americanos que integran Mercosur.
“A xestión dos desastres climáticos é máis eficaz desde a acción cidadá e das organizacións sociais que dende as institucións públicas: certeza ou mito?”. Esta pregunta articulou este venres a sesión final da segunda edición do Club de Debate DXP, unha iniciativa promovida pola Facultade de Dirección e Xestión Pública na que tomaron parte, ademais do alumnado deste centro, estudantes de ESO e bacharelato do IES A Xunqueira II, do colexio Los Sauces e do instituto República Oriental do Uruguai de Vigo. Catro equipos integrados por seis alumnas e alumnos puxeron a proba as súas capacidades de oratoria e argumentación nunha iniciativa que, grazas á colaboración do Concello de Pontevedra, levouse a cabo no salón de plenos da Casa Consistorial, sendo a primeira actividade, alén das sesións plenarias, que se celebra neste espazo tras a súa reforma.
Coa asistencia do alumnado dos diferentes centros, a apertura desta xornada correu a cargo do decano, Enrique Varela, e o concelleiro de Educación e Universidades, Demetrio Gómez, quen salientou que este tipo de iniciativas permiten adquirir “conceptos, ideas e formas de traballar que é imposible aprender nun libro”. Non en van, o obxectivo desta actividade é contribuír o desenvolvemento da capacidade de "argumentación e pensamento crítico" do estudantado “de diferentes niveis educativos”, salientou Varela.
Afondar no papel que a evidencia científica pode e debe xogar nas decisións políticas e na implantacións de políticas públicas foi o obxectivo central da conferencia impartida este xoves pola presidenta do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), Eloísa del Pino, na Facultade de Dirección e Xestión Pública. Sustentar as actuacións públicas na ciencia, defendeu Del Pino, posibilita en primeiro termo “ser eficiente cos recursos, porque sabes que é máis probable que unha política funcione, aínda que non é unha garantía de éxito”, ao tempo que permite tamén “render contas e poder explicar á cidadanía as túas decisións”. Non en van, existen tamén “moitos exemplos de política que fallaron porque non se tivo en conta que a ciencia dicía que había que facer o exactamente o contrario do que se estaba a facer”, subliñou a responsable da conferencia de clausura académica do curso 2024/2025 nesta facultade.
Doutora en Ciencia Política e da Administración pola Universidad Complutense de Madrid, Del Pino atópase desde 2022 á fronte “do órgano de ciencia máis importante de España e un dos máis importantes de Europa”, sinalou o decano de Dirección e Xestión Pública, Enrique Varela, na apertura deste relatorio. Inserida na programación conmemorativa do 25 aniversario da implantación destes estudos na UVigo, esta actividade permitiu tamén traer de volta á facultade unha investigadora que, lembrou Varela, foi profesora do Máster en Dirección Pública e Liderado Institucional deste centro durante 13 anos. Así mesmo, Del Pino foi tamén subdirectora de Análise Institucional na Autoridad Independiente de Responsabilidad Fiscal (AIReF), directora do Gabinete da ministra de Sanidad, Consumo y Bienestar Social entre 2018 e 2020 e directora do Observatorio de Calidad de los Servicios da Agencia de Evaluación de Políticas y Calidad de los Servicios (AEVAL).
No marco dos actos conmemorativos do 25 aniversario da implantación destes estudos na Universidade de Vigo, Dirección e Xestión Pública quixo pór en valor a inserción laboral no sector privado dos seus titulados e tituladas, a través dun acto de homenaxe a Siga 98, unha das empresas que ao longo dos anos ten incorporado un maior número de titulados e tituladas. O acto celebrado este martes na Ágora da facultade contou coa participación do conselleiro delegado desta compañía, José Manuel Mariño, así como do seu presidente, Fernando Jesús Santiago, que tamén preside o Consejo General de Colegios de Gestores Administrativos de España.
Como lembrou o decano, Enrique Varela, Siga 98 é “a empresa que dá soporte ás actividades tecnolóxicas dos colexios de xestores administrativos” e ao longo dos seus máis de 20 anos de traxectoria ten desenvolvido “unha actividade importante para os nosos estudos”. Nese senso, o propósito deste acto era “recoñecer o esforzo” de empresas como a homenaxeada á hora de recibir alumnado en prácticas, sinalou Varela, que lembrou que “unha boa formación na universidade repercute tamén en que as empresas poidan ter bos traballadores e traballadoras”.
Coincidindo co 50 aniversario do seu pasamento, a pensadora estadounidense Hannah Arendt foi neste 2025 a figura escollida pola Facultade de Dirección e Xestión Pública como “matroa” do centro, dando continuidade a unha iniciativa posta en marcha o pasado ano, pola que a facultade dedica cada ano a festividade do centro a un persoeiro ou feito histórico. Deste xeito, a facultade abría a II Semana DXP coa exposición duns paneis nos que o alumnado plasma os resultados dos traballos sobre esta pensadora política que levaron a cabo no marco dun proxecto de innovación docente. Como explica o seu coordinador, o profesor Xosé Mahou, esta iniciativa abrangueu tres materias de primeiro curso (Gobernos Autonómicos, Políticas Públicas e Socioloxía Xeral), nas que o estudantado centrouse “no contexto político, o pensamento político e o contexto persoal” de Arendt.
Os resultados finais foron presentados por un grupo de alumnas participantes no proxecto e plásmanse na mostra que pode contemplarse na Ágora da facultade. Esta permite tanto afondar na traxectoria de Arendt como “difundir a vixencia do seu pensamento para entender o contexto actual de medre da extrema dereita e o espallamento da mentira política”, sinala Mahou. De feito, nesta mostra, o alumando aborda cuestións como “o auxe do trumpismo e o xenocidio en Gaza”, sinala, conectando estes feitos coa “banalidade do mal”, o concepto desenvolvido por Arendt “que maior influencia tivo na filosofía contemporánea”.
Ampliar os coñecementos do alumnado do Grao en Dirección e Xestión Pública sobre o funcionamento do sistema político autonómico e das súas principais institucións, así como sobre as relacións entre poder executivo e lexislativo. Isto foi o que permitiu a visita que unha trintena de estudantes das modalidades presencial e virtual desta titulación realizaron este mércores ao Parlamento de Galicia, onde mantiveron un encontro con deputados de varias das formacións con representación parlamentaria. Previamente, este grupo asistiu ao pleno de control ao executivo autonómico, no que foron saudados ao inicio da sesión polo presidente do Parlamento, Miguel Santalices.
“Permítelles ver o funcionamento ao vivo do lexislativo e as súas relacións co executivo”, destaca o profesor Fernando Martínez, dunha actividade na que participaron tamén os docentes Bruno González, Óscar Briones e Ignacio Fernández e que, en primeiro termo, posibilitou o alumnado asistir “a un debate sobre políticas públicas”, centrado na sanidade. A continuación, este grupo de estudantes puido afondar tamén no día a día da cámara nun encontro cunha “delegación de deputados de distintas forzas políticas, que lles explicaron o funcionamento práctico do parlamento” e cos que puideron conversar sobre cuestións “como a vivenda, a transparencia institucional ou o sistema electoral”.