Máis aló do acto institucional que a Universidade de Vigo celebraba o pasado 5 de marzo, diferentes facultades e escolas dos tres campus veñen sumándose nestas semanas á conmemoración do Día Internacional da Muller con actos como o que este luns promovía a Facultade de Dirección e Xestión Pública. Presentado pola vicedecana de Captación, Empregabilidade e Mobilidade, Sara Torres, este acto estivo centrado, explicou, en “mirar a intelixencia artificial desde a perspectiva de xénero”, a través dun relatorio da profesora Vitoria Canoura, centrado no uso destas ferramentas por parte das administracións. O evento completouse, explicou Torres, coa presentación dun proxecto de innovación docente coordinado polo profesor Guillén Lamas, no que o alumnado da materia Socioloxía Xeral abordou “en que medida a música, como produto cultural, é unha expresión dos valores da sociedade”.
Profesora da facultade e investigadora do Observatorio da Gobernanza G3, Canoura buscou na súa conferencia amosar ao alumnado “como a intelixencia artificial traduce as desigualdades da vida cotiá, da realidade que temos”, o que levouna a incidir nos nesgos de xénero presentes “nos datos que utiliza ou incluso nos algoritmos que emprega para chegar a determinadas conclusións”. Partindo deste marco, puxo o foco nos diferentes usos desta tecnoloxía por parte das administracións públicas, desde “chatbots que se utilizan para inteactuar coa cidadanía” a ferramentas como o sistema de seguimento de casos de violencia de xénero VioGén. Ao mesmo tempo, presentou tamén diferentes exemplos dos nesgos destas ferramentas, derivados da “información de base que están utilizando”. Canoura referiuse, por exemplo, aos programas de recoñecemento facial, “que están adestrados masivamente con caras masculinas”, o que fai que as posibilidades de erro sexan maiores coas facianas femininas. “Isto pode ocasionar desde que non poidas subir a un avión a que teñas máis risco de que non che deixen acceder a unha asistencia sanitaria”, apuntou a docente, que lembrou que este tipo de ferramentas xa están a empregar en Ceuta e Melilla no eido da sanidade “para que non haxa unha suplantación de identidade”.
Afondar nas habilidades e competencias que debe posuír o persoal directivo das administracións públicas locais é o eixe dun proxecto de innovación educativa da Facultade de Dirección e Xestión Pública, que este xoves levou un grupo de estudantes á sede da Deputación de Pontevedra. Como explica o seu coordinador, o profesor Fernando Martínez, trátase dunha iniciativa na que están implicadas as materias Dirección pública nos gobernos locais e Habilidades nas administracións públicas e que busca que o estudantado coñeza “as competencias e habilidades da parte directiva dunha entidade local” a través do contacto directo con persoal de diferentes administracións. Nese obxectivo insírense actividades como a visita deste xoves ao Pazo Provincial, onde foron recibidos pola deputada provincial María Ramallo, para logo manter un encontro con responsables do Servizo de Asistencia Intermunicipal (Saim) e do Organismo Autónomo de Recadación e Xestión Tributaria (Oral).
O encontro no que participaron Martínez e o profesor Ignacio Fernández verase continuado ao longo do cuadrimestre por outras actividades con ese mesmo obxectivo, como coloquios con persoal funcionario con habilitación nacional ou visitas a concellos. Ao mesmo tempo, esta iniciativa insírese tamén na programación de actividades da facultade para o segundo cuadrimestre, ao igual que a visita que este mércores realizaban 23 estudantes ao Parlamento de Galicia. No marco da súa formación na materia Gobernos autonómicos, esta actividade permitiulles asistir a unha sesión de control ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e manter un encontro co letrado maior do Parlamento, Xosé Antón Sarmiento, así como cunha egresada que traballa como bolseira na cámara. Estiveron acompañados polo decano, Enrique Varela, o profesor responsable da materia, Bruno González, e o coordinador do grao, Fernando Martinez.
Un proxecto de aprendizaxe-servizo (ApS) permitiu ao alumnado da Facultade de Dirección e Xestión Pública afondar nos desafíos que implica, tanto no eido xurídico como no da gobernanza, o impulso de comunidades enerxéticas que permitan a cidadáns, pequenas empresas ou administracións xestionar e consumir a súa propia enerxía renovable. Coordinada polos profesores Santiago Salvador e Rosa Ricoy, esta iniciativa centrouse en promover un contacto directo con diferentes colectivos, que lles achegase, explican, unha “visión práctica da realidade social” que supón a posta en marcha deste tipo de iniciativas. Con ese obxectivo, desenvolvéronse encontros con responsables das ONG Amigas da Terra e Enxeñaría sen Fronteiras, da Comunidade de Montes de Tameiga e con responsables da Oficina de Transformación Comunitaria da Deputación de Pontevedra. A partir de aí, as e os participantes debían analizar “os desafíos xurídicos e de gobernanza” que implica o impulso deste tipo de entidades e reflectilos en materiais como unha serie de acazines, fanzines orientados á divulgación científica.
Seleccionado na convocatoria de proxectos de ApS no marco da Axenda 2030 e dos seus ODS da Universidade, no proxecto Un enfoque xurdídico-politolóxico cara unha transición enerxética xusta participaron máis de 40 estudantes das materias Dereito administrativo II e Gobernanza, globalización e dereitos humanos. Como explica Salvador Gimeno, tratábase de dúas materias que “tiñan conexión cunha realidade que é tan desafiante”, como é o impulso de comunidades enerxéticas, o que permitía achegar ao seu alumnado unha “visión práctica” e uns coñecementos que lles permitirán nun futuro “asesorar ou ter a iniciativa” á hora de promover comunidades enerxéticas na súa contorna.
La Unión Europea en construcción. Historia, instituciones y normas é o título do novo libro do profesor da Facultade de Dirección e Xestión Pública Celso Cancela, que busca neste volume abordar dun xeito “accesible”, apunta, a evolución e as implicacións do proceso de construción europea. Realizada no marco da Cátedra Jean Monnet European Institucions and Citizens: Adapting the EU to the digitalisation challenges, esta publicación afonda tanto na identidade europea e no europeísmo, como nas diferentes fases do proceso de integración, trazando un percorrido histórico que se completa cunha reflexión sobre os “tempos turbulentos” vividos nas últimas dúas décadas.
Inserido nas iniciativas impulsadas ao abeiro dunha cátedra cofinanciada pola Comisión Europea, esta publicación ten como punto de partida a materia Europa: significado, historia e cultura, do Programa Universitario de Maiores da UVigo (PUM). Desde a súa posta en marcha, Cancela vén impartindo esta materia de xeito ininterrompido e nela foi abordando ao longo dos anos cuestións “como a delimitación xeográfica e cultural de Europa, a construción dunha identidade europea, os principais fitos do proceso de integración, o funcionamento das institucións da UE e os retos que enfronta no presente e no futuro”. Nese senso, as notas e materiais que empregou para a preparación dunhas sesións que, recoñece, “en numerosas ocasións adoptaron a estimulante fórmula do coloquio e o debate”, foron o xerme desta publicación, que Cancela presentaba recentemete ao alumnado do PUM.
Unha decena de investigadores e investigadoras de Finlandia, Serbia, Croacia e de diferentes universidades españolas participan na Facultade de Dirección e Xestión Pública nunha reunión científica do proxecto Bores, centrado en analizar a resiliencia das áreas fronteirizas en momentos de crise ou excepcionalidade. Financiada polo Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades e liderada pola Universidad Complutense de Madrid, esta investigación abrangue un conxunto de casos de estudo, tanto das fronteiras da Unión Europea como dos países de Mercosur. Nela participan 25 investigadores e investigadoras de diferentes países, entre os que se atopa o coordinador do Observatorio da Gobernanza G3 da UVigo e decano en funcións desta facultade, Enrique Varela.
Co obxectivo, como sinalan desde a organización, de “compartir os avances de investigación por parte do equipo de traballo”, o proxecto abrangue unha serie de reunións científico-técnicas nas que participan unha parte dos socios e socias. O primeiro destes encontros tivo lugar en Bolivia, mentres que o segundo desenvólvese este xoves e venres na Universidade de Vigo e está centrado na discusión de liñas de traballo referidas ás fronteiras europeas. Nese senso, ao longo deste xoves teñen lugar unha serie de presentacións, precedidas polas verbas de benvida de Varela e do investigador da Complutense Heriberto Cairo, un dos coordinadores de Bores.
Dos inicios da antiga diplomatura en Xestión e Administración Pública, no curso 1999/2000, á experiencia do primeiro grao do Sistema Universitario de Galicia (SUG) en contar cunha modalidade virtual. Editado polo Servizo de Publicacións da UVigo, o libro Aprendendo a xestionar o público percorre os 25 anos de traxectoria destes estudos na institución viguesa, a través dunha “reflexión compartida sobre un proxecto educativo híbrido”, que ten na innovación docente o seu fío condutor. Coordinado por Enrique Varela e Xosé Mahou, decano e vicedecano da Facultade de Dirección e Xestión Pública, esta monografía reúne as achegas dunha ducia de docentes deste centro, que abordan a situación destes estudos en España e Galicia, a coordinación académica das titulacións virtuais e diferentes iniciativas en materia de innovación docente levadas a cabo nesta facultade.
“Supón facer explícito un relato sobre os estudos de dirección, xestión e administración pública que impulsamos desde o curso 1999/2000”, sinala Varela dunha publicación que nace “como resultado de moitas experiencias colectivas”. Estas, lembra, abranguen tanto o Grao en Dirección e Xestión Pública e o mestrado virtual en Dirección Pública e Liderado Institucional, impulsado no curso 2011/2022, como a propia constitución, en 2022, da facultade á que se adscriben estes dous títulos. De feito, Dirección e Xestión Pública conmemoraba o pasado curso cun conxunto de actividades, os 25 anos de traxectoria destes estudos na UVigo, nos que agora afonda tamén esta publicación.