Analizar tanto as posibles causas como as consecuencias, tanto internas como en termos de política internacional, da elección de Donald Trump como presidente dos Estados Unidos, nas eleccións celebradas o pasado 5 de novembro. Ese foi o obxectivo da mesa de análise que este luns promovía a Facultade de Dirección e Xestión Pública e que contou coas intervencións dos integrantes do grupo de investigación Observatorio da Gobernanza G3 Fernando Martínez e Constantino Cordal. Ambos enmarcaron a vitoria do candidato republicano nun contexto global “no que os partidos que están no goberno teñen moitas dificultades” para repetir vitoria, á vez que sinalaron tamén posibles consecuencias da vitoria de Trump na esfera internacional. Neste eido, Cordal sinalou que “cuestións relevantes que teñen que ver coa reforma das Nacións Unidas” poderían quedar “estancadas”, ao tempo que afirmou que “está claro” que cun “negacionista climático” como el á fronte dos EEUU, os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) fixados na Axenda 2030 “non se van levar a cabo”.
Presentada polo decano, Enrique Varela, e enmarcada na conmemoración do 25 aniversario da implantación do estudos de xestión pública na UVigo, esta mesa buscaba achegar o alumnado as diferentes “perspectivas de investigación” que reúne o “único equipo de investigación adscrito á facultade”. Con esa idea, a conversa arrancou cunha intervención na que Martínez Arribas abordou o funcionamento do sistema electoral americano, no que, “a diferencia dos estados presidencialistas clásicos, o presidente non se elixe directamente”. A súa elección, lembrou, depende do número de compromisarios que logre cada partido, nunha votación no que o gañador en cada estado obtén o total de compromisarios e compromisarias elixibles. De feito, a vitoria de Trump é “a única nos últimos 30 anos” na que o Partido Republicano venceu non só en número de compromisarios, “senón tamén en voto popular”.
Representantes de diferentes organismos da Administración Xeral do Estado e da Unión Europea participan desde este venres nas Xornadas de Captación de Talento na Función Pública, que a Área de Emprego e Emprendemento da UVigo promove xunto coa Facultade de Dirección e Xestión Pública. Con máis de cen inscritos e inscritas, esta iniciativa ten como obxectivo dar a coñecer a oferta que as administracións e institucións públicas poñen a disposicións da cidadanía para facilitar o acceso ao emprego público, a través dunha serie de conferencias de profesionais que desenvolven o seu labor na Representación Permanente de España ante a Unión Europea (Reper), na Dirección Xeral de Función Pública do Goberno central ou na Comisión Europea.
Aberto a todo o alumnado da UVigo, trátase dun ciclo de conferencias que se desenvolverá de xeito virtual ao longo do mes de novembro, a través de Campus Remoto, e que este venres botou a andar na Facultade de Dirección e Xestión Pública cunha sesión que combinaba o seguimento presencial e virtual. Inseridas na programación coa que este centro conmemora o 25 aniversario da posta en marcha dos estudos de xestión pública na UVigo, o obxectivo destas xornadas é que o alumnado universitario coñeza como son os procesos de acceso ao emprego público e as diferentes posibilidades laborais que supoñen as administracións públicas, segundo explicou o decano, Enrique Varela. Non en van, lembrou, trátase dunha actividade “na que as institucións veñen á Universidade a buscar talento” e a amosar que “son un moi boa opción para estudantes de moi diversos ámbitos”, máis aló das titulacións máis directamente relacionadas coa administración pública.
Como “un dos grandes descoñecidos do mapa institucional galego” presentaba este mércores o Consello de Contas de Galicia Simón Rego, conselleiro da Área de Corporacións Locais e presidente da Sección de Fiscalización do Consello de Contas de Galicia. Facíao nunha conferencia que buscaba dar a coñecer as diferentes funcións deste órgano de fiscalización das entidades públicas ao alumnado da Facultade de Dirección e Xestión Pública. Tratábase ademais na primeira das actividades que o centro promoverá ao longo deste curso con motivo do 25 aniversario da creación destes estudos na UVigo. Concretamente, á posta en marcha no curso 1999/2000 da diplomatura en Xestión e Administración Pública, como lembrou o decano, Enrique Varela, na apertura dunha conferencia que, explicou, verase sucedida por un conxunto de actividades que se presentarán proximamente.
Xestión pública: das historias inventadas ás evidencias. O control externo independente en tempos de incerteza era o título dun relatorio no que Rego puxo o foco nos diferentes ámbitos de actuación desta institución, máis aló do seu papel de “vixilante”, encargado de comprobar “a legalidade e regularidade formal” da actividade económica e financeira do sector público autonómico. Concretamente, o conselleiro puxo de relevo o papel desta institución na “avaliación dos programas de intervención pública”, co propósito de analizar se determinados investimentos públicos, alén de ter sido executados conforme ao procedemento, tiveron como punto de partida “xustificacións que se soportan en datos”. Isto levouno a pór de relevo a importancia das evidencias para unha mellor eficiencia do gasto público, fronte “ás intuicións”, ás historias inventadas ás que facía referencia no título da conferencia. Como explicou Rego, o Consello de Contas leva a cabo “escenarios contrafactuais”, análises que permiten coñecer o impacto que poderían ter xerado determinados programas noutros escenarios, o que permite á súa vez proporcionar recomendacións de mellora ás institucións e entidades.
A través da metodoloxía de aprendizaxe-servizo (ApS), que busca que o alumnado poida adquirir as competencias propias dunha materia ao tempo que colabora cunha entidade ou colectivo, a profesora de Dirección e Xestión Pública Sara Torres coordinou nos últimos cursos dous proxectos desenvolvidos xunto co Centro Comercial Urbano Zona Monumental. Estes levaron o alumnado da facultade a detectar unha serie de “necesidades de mellora na captación de asociados e posicionamento en redes” desta asociación e motivaron á súa vez un novo proxecto. Como explica esta docente, o seu propósito era analizar a actividade desta entidade desde un “enfoque máis global e integrador”, que permitise definir un conxunto de recomendacións e propostas “para pór en marcha novos proxectos que melloren o posicionamento e proxección” de Zona Monumental.
Seleccionado na convocatoria de proxectos de innovación educativa en ApS no marco da Axenda 2030 da Universidade, Melloras de xestión das entidades asociativas por transferencia de coñecementos do Grao en Dirección e Xestión Pública buscaba definir un plan de acción de mellora continúa que puidese achegar “solucións innovadoras” á asociación. Isto facía preciso, como sinala Torres, que este ApS fose máis aló dunha materia e permitise aplicar dun xeito global os coñecementos adquiridos no grao. De aí que o seu resultado final sexa tamén o traballo de fin de grao de Sara Couso, sendo ademais o primeiro proxecto realizado ao abeiro destas convocatorias que dá forma a un TFG.
A Universidade de Vigo e a Universidad Nacional Abierta y a Distancia (UNAD) de Colombia asinaron este luns, nun acto virtual, un convenio interinstitucional para o recoñecemento mutuo de créditos. Este permitirá ao alumnado das dúas institucións obter a dobre titulación de graduado ou graduada en Dirección e Xestión Pública pola UVigo e de titulado ou titulada no Programa de Ciencia Política da UNAD, tras cursar un mínimo de 60 créditos ETCS na universidade de destino. Con presenza en todo o territorio colombiano e centrada no ensino a distancia, a UNAD é a universidade con maior número de estudantes de Colombia, preto de 250.000, e o asinado nesta xornada coa UVigo é o primeiro convenio de dobre titulación que establece cunha universidade española.
Os reitores da UVigo, Manuel Reigosa, e UNAD, Jaime Alberto Leal, presidiron o acto virtual de sinatura dun convenio que permitirá inicialmente a cinco estudantes de cada institución ampliar a súa formación na universidade de destino. Farano ademais, de xeito virtual, dado que ao carácter non presencial da UNAD súmase que Dirección e Xestión Pública é o único grao do sistema universitario galego que conta cunha modalidade virtual. Como un feito “moi positivo para a internacionalización da nosa universidade, que seguramente é a materia pendente que temos”, definiu Reigosa un acordo que permite ademais traballar “cunha universidade de prestixio e recoñecida en todo o ámbito internacional” como a UNAD. Nesa mesma liña, Leal resaltou a importancia para a institución colombiana de asinar este acordo cunha “institución tan prestixiosa e ten recoñecida en todo o territorio latinoamericano” como a UVigo, nun acto no que participaron os vicerreitores de internacionalización de ambas institucións, Maribel del Pozo e Leonardo Evemeleth Sánchez; o decano da Facultade de Dirección e Xestión Pública, Enrique Varela; a responsable da UNAD en Europa, Ana María Alonso, e o responsable da Fundación Ortega-Marañón, Antonio Fernández Poyato.