Logotipo Universidade de Vigo

Select your language

A conmemoración, este sábado 9 de maio, do Día de Europa levou á Facultade de Dirección e Xestión Pública a promover un debate sobre a soberanía da UE nun contexto de transformación dixital. Fíxoo a través do relatorio que o profesor Celso Cancela centrou no concepto de “soberanía dixital” e que levou á súa vez a afondar en cuestións "como a unión política", explicou. A idea central era amosar ao alumnado como “os cambios que se están a producir a nivel tecnolóxico van ter repercusións a nivel social, político e cultural” e debater sobre en que medida a UE “é capaz de tomar decisións” en materia dixital. Isto levou “a falar tamén doutras soberanías, como a industrial ou tecnolóxica”, xerando á súa vez unha reflexión sobre a propia “idea da soberanía en xeral, a unión política e a idea dos Estados Unidos de Europa”.

Este relatorio foi presentado polo coordinador do Grao en Dirección e Xestión Pública, Fernando Martínez, e insírese nas actividades da rede europea ENDE (European Network on Digitalization and E-Gobernance), da que forma parte Cancela. Financiada pola Unión Europea e liderada pola Universidade Tecnolóxica de Tallín, esta rede agrupa especialistas de doce países europeas e ten como obxectivo afondar nas múltiples implicacións da transformación dixital da Unión Europea desde unha perspectiva interdisciplinar.

Ler a nova completa no DUVI