As persoas maiores, as mulleres e a cidadanía con menor nivel educativo e de ingresos son os colectivos sociais que “externalizan” en maior medida a presentación da súa declaración da renda por canles dixitais. Esta é a principal conclusión dun estudo desenvolvido polo profesor da Facultade de Dirección e Xestión Pública Bruno González, centrado en coñecer que colectivos sociais recorren tanto a asesorías como a familiares ou amizades á hora de realizar a súa declaración do IRPF. “As ferramentas dixitais poden ser unha barreira para aqueles cidadáns cun menor nivel de experiencia e recursos dixitais”, sostén o investigador do Observatorio da Gobernanza G3, que alerta que se ben “a dixitalización é necesaria e pode facer máis eficiente as interaccións entre algúns grupos da sociedade e a administración, ao mesmo tempo pode tamén crear barreiras para algúns sectores da sociedade”.
Dirixido a analizar como os “factores sociais e demográficos” inflúen á hora de recorrer a terceiras persoas para a realización da declaración da renda, González Cacheda analizou os datos reunidos na enquisa sobre equipamento e uso de tecnoloxías da información e da comunicación en fogares do INE do ano 2022. Concretamente, o investigador traballou cos “microdatos” obtidos en 14.839 vivendas. A partir destes extraeu “doce variables que, dentro dun marco conceptual, poden axudarnos a comprender porque a xente externaliza ou non” a realización da declaración. Estas estaban relacionadas tanto coa experiencia no uso de ferramentas dixitais e na autoeficacia, a forma na que “as persoas se perciben a si mesmas en relación ao seus desempeño coas novas tecnoloxías”, como coas características sociodemográficas, co obxectivo de “identificar unha serie de factores asociados á fenda dixital”, que poderían dificultar o acceso e o uso da plataforma dixital para a presentación da declaración. Desenvolvida no marco da Cátedra Jean Monnet European Institutions and Citizens, os resultados desta investigación recóllense nun artigo publicado na revista científica Journal of Public Affairs.