Logotipo Universidade de Vigo

Select your language

Achegar o alumnado de Dirección e Xestión Pública as múltiples posibilidades profesionais da Administración Xeral do Estado foi o obxectivo central da xornada desenvolvida este luns nesta facultade, no marco das actividades do programa EmpregoinCampus, promovidas pola Vicerreitoría do campus e a Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade, co financiamento do Consello Social da Universidade de Vigo. Coa participación de representantes da Dirección Xeral de Función Pública do Goberno central, da Axencia Tributaria e do Catastro, esta xornada buscou tanto darlles unha “visión xeral” dos diferentes corpos de funcionarios e funcionarias existentes na administración central como “intentar eliminar” unha serie de “tópicos” ligados ao emprego público, segundo salientou Sonia Postigo, vogal asesora da Dirección Xeral de Función Pública.

Presentada polo decano, Enrique Varela, a xornada contou coas intervencións desta representante do Ministerio para a Transformación Dixital e Función Pública; da xerenta do Catastro en Pontevedra, Micaela Martínez; do delegado da Axencia Estatal para a Administración Tributaria (AEAT) en Pontevedra, Daniel Gómez, e da directora da Área de Emprego e Emprendemento da UVigo, Maruxa Álvarez. Baixo o título de Xornada de Captación de Talento, este encontro insírese nunha serie de iniciativas dirixidas a conectar o alumnado coa realidade profesional de diversos sectores que ao longo deste 2025 se desenvolven nas diferentes facultades e escolas do campus.

Ler a nova completa no DUVI