Logotipo Universidade de Vigo

Select your language

A raíz dunha experiencia de innovación docente que conectaba diferentes materias do grao, a Facultade de Dirección e Xestión Pública impulsaba en 2023 un club de debate que buscaba contribuír ao desenvolvemento da capacidade de argumentación do estudantado de diferentes niveis educativos. Na súa cuarta edición, o Club de Debate DXP amplía o seu número de participantes, coa presenza do alumnado do IES A Xunqueira II e do colegio Los Sauces, de Pontevedra, e cos colexios Esperanza, de Vigo, e Santiago Apóstol, de Soutomaior. Faino ademais adoptando un formato de torneo con diferentes eliminatorias, que terá lugar en maio e que se ve precedidos nestas semanas por actividades formativas nos diferentes centros participantes, así como por un primeiro debate entre dous equipos da facultade. Este tivo xa como eixe a que será a temática desta edición, a argumentación favorable ou contraria a se España debería aumentar o seu gasto militar ata o 5% do PIB.

Este primeiro debate, que como sinala o profesor Ignacio Fernández, coordinador da actividade, non tiña carácter eliminatorio, enfrontou por primeira vez un equipo de estudantes de terceiro curso do Grao en Dirección e Xestión Pública con outro de primeiro. A actividade contou tamén coa presenza de alumnado do Colexio Santiago Apóstol, un dos centros que se incorporan neste 2026 a unha iniciativa que naceu como unha experiencia de innovación docente que implicaba o alumnado de terceiro curso na organización e desenvolvemento dun debate. “Ao ano seguinte decidimos levar esa actividade tamén aos outros centros”, lembrou o decano, Enrique Varela, na apertura un encontro correspondente á “fase intermedia” dun proxecto que adopta nesta ocasión, explicou, "un modelo de torneo”.

Ler a nova completa no DUVI