A longo do presente curso, a Facultade de Dirección e Xestión Pública celebra o 25 aniversario da posta en marcha destes estudos na Universidade de Vigo, a través dun conxunto de actividades formativas e divulgativas que nas próximas semana, buscarán tamén render homenaxe a diferentes entidades nas que os egresados e egresadas desenvolven a súa traxectoria profesional. Con ese obxectivo, no programa de actos para este segundo cuadrimestre figura tanto un acto de recoñecemento ás institucións públicas, como outro centrado no sector empresarial, aos que se suman unha conferencia da presidenta do CSIC, Eloísa del Pino, e a participación da secretaria de Estado de Función Pública, Clara Mapelli, no acto de graduación dunha nova promoción de titulados e tituladas.
Como explica o decano, Enrique Varela, a programación para estes meses continúa “na liña do que fixemos no primeiro cuadrimestre”, combinando as actividades académicas con outras de carácter máis institucional, que se reforzan, sinala, con “convidados de primeiro nivel”. Nese senso, co obxectivo de pór en valor algunhas das institucións e empresas nas que traballa un maior número de titulados e tituladas, o 30 de abril terá lugar un acto de homenaxe dedicado ao sector público, que contará coa participación do presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e de varios dos titulados e tituladas que traballan no ente provincial. Por outra banda, o 6 de maio, terá lugar o dedicado ao ámbito empresarial, no que se efectuará unha homenaxe a SIGA98, coa participación do seu conselleiro delegado, José Manuel Mariño, así como do presidente do Consejo General de Gestores Administrativos de España, Fernando Jesús Santiago.
Nos últimos días, diferentes facultades e escolas da Universidade súmanse con diferentes iniciativas á conmemoración, o pasado sábado 8 de marzo, do Día Internacional da Muller, como fixo este mércores Dirección e Xestión Pública. Nun acto celebrado na Ágora do centro, as representantes da Delegación de Alumnado Milagros Hurtado e María Ferrer presentaron o vídeo no que compilaban parte das entrevistas que realizaron nos últimos días tanto a estudantado como a profesorado da facultade e coas que buscaban promover unha reflexión sobre o traballo pendente para a consecución dunha igualdade real e efectiva, así como sobre o propio significado do 8M. Con esa idea, o vídeo que difundirán a través das redes sociais reúne diferentes respostas a preguntas como se “aínda queda moito por facer para alcanzar a igualdade de xénero”, en que ámbitos serían precisos maiores avances ou que lle dirían “a alguén que cre que o 8M xa non é necesario”.
Como explica Hurtado, presidenta da delegación de estudantes, a súa idea foi tratar de promover “algo orixinal e participativo” con motivo da conmemoración do 8M, propoñendo "algo distinto" á lectura un manifesto que esta facultade promoveu en anos anteriores con motivo deste Día Internacional da Muller. Foi así como xurdiu a idea de dar forma a un vídeo que permitise á súa vez promover unha “reflexión sobre o que estamos celebrando e por que o facemos, o que tamén axuda a concienciar”, engade Ferrer.
Catedrático de Ciencia Política e da Administración da Universitat de Girona, Salvador Martí afondou este luns na Facultade de Dirección e Xestión Pública nas diferentes causas da polarización política existente nas sociedades actuais e en como esta constitúe un dos “eixes fundamentais” dos “procesos de erosión democrática”. Nunha actividade inserida na programación do 25 aniversario da implantación destes estudos na UVigo, Martí Puig puxo o foco en que, máis aló de grandes diferencias ideolóxicas, a sociedade actual defínese por unha “polarización afectiva”, derivada do xeito no que as persoas perciben a aquelas cunha “cosmovisión” diferente. Esta susténtase á súa vez, sinalou, no malestar xerado polo “incremento da desigualdade”, que fai posible que “líderes populistas, autoritarios e con pouco respecto pola democracia” poidan conectar facilmente “co sentir dun sector da sociedade”.
Esta lóxica “de cabreo e de descenso social”, engadiu o tamén vicerreitor de Comunicación da Universitat de Girona, contribúe tamén a explicar “por que hoxe a dereita radical pesca en ámbitos de persoas novas e sectores humildes”, como sinalou mun relatorio que puido seguirse tanto de xeito presencial como virtual. O conferenciante foi presentado polo decano, Enrique Varela, quen destacou a Martí como coautor do “manual de referencia da ciencia política” en España e lembrou as principais liñas de traballo dun investigador especializado en política comparada, nos procesos de democratización en América Latina e na acción colectiva.
Integrada por investigadores e investigadoras de doce países, a European Network on Digitalization and E-Governance (ENDE) é unha rede europea que ten como obxectivo afondar, desde unha perspectiva interdisciplinar, no proceso de transformación dixital das institucións europeas e nos seus efectos na prestación de servizos públicos. Un dos integrantes desta rede é o profesor da Facultade de Dirección e Xestión Pública Celso Cancela, quen coordina un ciclo de conferencias dirixido a promover unha serie de debates sobre os efectos da dixitalización en múltiples ámbitos da sociedade. Da man do investigador da Pontificia Universidad Católica de Valparaíso Alan J. Bronfman, esta iniciativa botou a andar este xoves cunha reflexión sobre como a esfera dixital se ten convertido nun elemento central tanto do debate político como do propio funcionamento democrático dos países.
Profesor de Dereito Constitucional, Bronfman subliñou a “necesidade de regular constitucionalmente a democracia nunha contorna dixital”, no primeiro dos coloquios deste ciclo. Como lembrou, “o sistema político democrático e representativo está fundamentalmente previsto e regulado” nos textos constitucionais, que recollen dereitos fundamentais como a liberdade de expresión, mais desde unha perspectiva centrada “nos medios de comunicación tradicionais” cando, na actualidade, o mundo dixital e as redes sociais “inciden fundamentalmente na percepción política da sociedade”. De aí que o que fora tamén membro do Tribunal Constitucional chileno puxese de foco “en que seguimos pensando en que o dixital é un espazo particular da democracia, cando quizais é a democracia actualmente”. Non en van, lembrou, “os políticos invisten moitísimo en campañas dixitais, en construír imaxes dixitais ou en destruílas” a travé dunha serie de plataformas que “son negocios cos seus propios intereses”. Isto fai preciso, subliñou, que a regulación deste tipo de contornas non se afronte exclusivamente “desde unha base tecnolóxica”, senón que é preciso “pensar algúns temas constitucionais fundamentais para a democracia en termos da realidade dixital existente”.
Pór en valor o esforzo que supón combinar a formación universitaria co deporte federado era o obxectivo central do acto promovido este mércores pola Facultade de Dirección e Xestión Pública e que serviu ademais para pór peche ao programa de actividades conmemorativas do 25 aniversario da implantación destes estudos na UVigo neste primeiro cuadrimestre. “Consideramos que dentro dunha universidade pública, aqueles a aquelas que ademais de estudar están a facer un deporte profesional ou federado, realizan un esforzo en paralelo que hai que poñer en valor”, salientou o decano, Enrique Varela, nun acto dedicado ás e aos 14 estudantes do Grao en Dirección e Xestión Pública que son tamén deportistas federados. Entre eles, Eneritz Dapena, campioa de España de ximnasia de trampolín na modalidade de tumbling en categoría pre-senior, e o piragüista Noel Domínguez, que conta con varias medallas en campionatos do mundo e de Europa sub23, que puxeron de relevo a importancia dos valores que achega a práctica deportiva.
Entre eses valores atópanse “a disciplina, o compromiso, a constancia, aprender a tolerar a frustración, a facer sacrificios e a comprender o valor de cada vitoria, por pequena que poida ser”, como sinalaba Dapena, que hai uns meses lograba a súa segunda medalla de ouro en categoría pre-senior no Campionato de España de Ximnasia de Trampolín, á que suma a acadada previamente na categoría base. Nos tres casos, proclamouse campioa de España de tumbling, unha disciplina de ximnasia de trampolín na que realízanse unha serie de acrobacias ao longo dunha pista de 25 metros. Deportista do Ximnasia Pontevedra, Dapena lembrou que se iniciou neste deporte con 6 anos “e desde entón constitúe unha parte moi importante da miña vida”. Neste punto, quixo agradecer a implicación da súa familia e compañeiros e, nomeadamente, o seu adestrador Pablo Hinojar, falecido o pasado mes de setembro. “O deporte prepáranos para a vida, igual que a universidade”, concluíu Dapena, quen reivindicou unha maior implicación das institucións públicas co “deporte de base e de elite”.
Aínda que a Facultade de Dirección e Xestión Pública constituíuse como tal no ano 2022, os estudos de dirección, xestión e administración pública na Universidade de Vigo atesouran xa un cuarto de século de traxectoria. Os seus inicios remóntanse á implantación, no curso 1999-2000 da extinta diplomatura en Xestión e Administración Publica na antiga Facultade de Ciencias Sociais. Coa adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior, esta titulación foi reemprazada polo actual Grao en Dirección e Xestión Pública, titulación que no curso 2020-2021 se convertía no primeiro grao do Sistema Universitario de Galicia en contar cunha modalidade virtual. Tanto esta titulación, como o mestrado en Dirección Pública e Liderado Institucional conforman a actual oferta formativa dunha facultade que neste curso 2024/2025 celebra os 25 anos de traxectoria destes estudos na UVigo. Con ese obxectivo, deseñou un programa de actividades formativas e divulgativas, presentadas este mércores polo decano, Enrique Varela, e a presidenta da Delegación de Alumnado, Milagros Hurtado.
“Levamos aquí desde o ano 1999 e iso é un feito histórico”, sinalou Valera no inicio deste acto, no que lembrou que estes 25 anos de traxectoria son o resultado “do traballo de moita xente” e que é a implicación de profesorado, alumnado e persoal de administración de servizos as que fan “que as institucións se sosteñan ao longo do tempo”. Nese senso, o decano puxo en valor a participación da Delegación do Alumnado na programación presentada nesta xornada, coincidindo coa celebración da primeira das actividades abertas á cidadanía. As actividades deste 25 aniversario, sinalou, continuarán con novas propostas no segundo cuadrimestre e buscan servir como punto de encontro “con diferentes colectivos sociais, empresariais e institucionais”, así como achegar ao centro “persoas relevantes nos seus respectivos eidos e que manteñen coa relación coa facultade e os estudos de Dirección e Xestión Pública desde hai máis de dúas décadas”.